Saturday 04 de May de 2024

O novo espazo natural público da rúa do Mar denominarase Parque Rosalía Mera


Olerios xa ten un parque dedicado á memoria de Rosalía Mera, que quedou inmortalizada onte nunha escultura de acero cortén moi perto do que fora o seu domicilio en Dorneda. É un dos múltiples detalles que acouga esta nova zona verde entre as rúas do Mar e A Poza, unha superficie de 20.000 m2 cedidos ao Concello pola súa filla, Sandra Ortega, que tamén se encargou dos costos da conversión no parque natural que é hoxe. Ortega disculpou a súa ausencia para fuxir do protagonismo.

Un parque que conserva antigos anacos de vellas edificacións e valados de pedra, no que se instalou unha zona de sombra para xogos de mesa, varios conxuntos de estar, recunchos para o recollemento e un tratamento da xardinería moi cercano aos conceptos silvestres, con refuxios para morcegos, hoteis de insectos, un pequeno estanque e múltiples plantacións de especies das que se encargaron alumnas e alumnos dos centros educativos do Concello.

Precisamente a educación foi unha das chaves que aportou o alcalde, Ángel García Seoane, no seu discurso inaugural, que foi en si mesmo unha homenaxe a Rosalía Mera, a persoa que da nome a este novo espazo natural, “unha familia —dixo García Seoane— que pese a ser das máis ricas do país nunca fixo ostentación e sempre viviu aquí coa súa familia, enviando aos seus fillos ás escolas públicas de Oleiros”.

O alcalde lembrou o día que Sandra Ortega foi polo Concello, pediu falar co alcalde e mostroulle a idea de ceder esta finca, que tiña unha edificabilidade de 88 vivendas. Á incredulidade inicial do alcalde seguiu para o alcalde a lembranza da súa nai, unha colaboradora habitual das iniciativas municipais, non só no antigo certame fotográfico internacional Revela, senón nas políticas de cooperación internacional. “Cando precisábamos enviar recursos ao Sáhara, a Cuba, a Guatemala ou a calquera outro lugar do mundo, ela sempre colaborou e iso é o que lle agradecemos con poñer este nome a este marabilloso parque”.

Un acto no que se agradeceu igualmente o mimo con que traballaron non só o departamento de parques e xardíns do Concello, senón a xardinería Trébore, a construtora esmorís, o Grupo Naturalista Hábitat, o alumnado dos colexios públicos de Oleiros ou a muralista Lidia Cao.